32.
(BIPOLARIDADE)
A última en saír de min que me peche os ollos.
![]()
31.
(GO VEGAN, LOVE)
Apostatar do veganismo por mor das bolboretas no estómago.
![]()
30.
(DESEXO)
Un dedo teu na miña boca rema por un mar de silencio.
![]()
29.
(DEPÓSITO A LONGO PRAZO)
Os segredos mellor gardados teñen pactos coa morte.
28.
(DESEXO II)
Todos os animais que me viven entre as ingoas están agardando unha soa orde para facerse inverno.
![]()
27.
(SER HUMANO)
Corpo: a bolsa e a vida.
![]()
26.
(MIGRAÑA)
Os dous polos cerebrais tratan de matarse. Unha guerra civil no lugar máis inaccesible do (meu) mundo.
![]()
25.
(DESEXO III)
Na túa boca envaíño as miñas armas.
![]()
24.
(FESTA DE ANIVERSARIO)
Crepito como un lume moi vello. O meu nome fala do cansa que estou.
![]()
23.
(DESEXO IV)
Que a túa e a miña sombra se acheguen ata proxectar un mesmo corpo.
![]()
22.
(ESCOLIOSE)
Por dentro estou chea de interrogantes.
![]()
21.
(DESEXO V)
Tras das portas do meu armario andas ti devorando o monstro que me devora.
![]()
20.
(SOIDADE)
Tendo a pel a secar despois de tela usado toda a noite para arroupar o noso frío.
![]()
19.
(FEBRE)
No meu delirio hai sacodidas marítimas. Aboio nunha outra penumbra. Entráchesme polo sangue.
![]()
18.
(FILOLOXÍA)
Estudei a morfoloxía do teu territorio. Unha palabra túa bastaría para fanarme.
![]()
17.
(RESPONSABILIDADE)
Os nosos fillos teñen o rostro exacto dos nosos medos.
![]()
16.
(VOYEUR I)
Quero ver como encaixa o teu dano na miña ferida.
![]()
15.
(INFIDELIDADE)
Non son a outra. Son a protagonista do meu hemisferio. Como a Lúa cando é día. Como o sol cando te deitas.
![]()
14.
(POEMA)
Todo o que me cae da boca ao chan prende unha planta de veleno. Nada nace.
![]()
13.
(TI)
Ti non eras en absoluto ate que te fixen nome, carne e sombra.
![]()
12.
(INVERNO)
Na nudez de todas as árbores resprandece a celulite das laranxas.
![]()
11.
(FALSO)
Redondeas todos os circunloquios e atravesas as elipses só para que o teu non soe a outra cousa.
![]()
10.
(VELENO)
A túa lingua deixou na miña pel un rastro que borrou todos os percorridos do sangue.
![]()
9.
(POLITICA LINGüÍSTICA)
Nacín bífida por falarche e lamberte ao mesmo tempo.
![]()
8.
(DESEXO VI)
O desexo é esa teima de aprender a mastigar con outras fauces
![]()
7.
(NAMORO)
Respiro como se me perseguise un lobo. Déitome disposta a deixar para a túa boca todo o cárnico que leve posto.
![]()
6.
(POESÍA ERÓTICA)
Os haikus escríbochos coa lingua. Tres versos riscados no embigo, no veludo das coxas, no lugar da túa tinta nuclear.
![]()
5.
(PERCORRIDO)
Entre a túa lingua e a miña os nosos corpos, incomunicados.
![]()
4.
(VIAXE DE IDA E VOLTA)
Entras en min e eu saio a través do meu berro, que ecoa na túa boca.
![]()
3.
(PINTAR)
Descubro por riba dos lenzos brancos todas as cores que apousamos. Igual ao pintar que ao facer a cama.
![]()
2.
(CINISMO)
Non queres que o meu corpo (se) (che) resista.
![]()
1.
(CO(g)ITO, ERGO SUM)
Como raíña devórote como alfil ou
derrotarasme.


















